O Cabaleiro Anthor
Anthor chegou ó chan e as súas penras flexionáronse para dete-lo impacto. Mentres corría polo poeirento camiño, pensou que a fin deixara atrás o negro castelo, onde non entraba a luz, e íase a un lugar onde o mago non o alcanzase. Pouco a pouco chegou á cidade. Era infernal. Xigantescas torres chegaban ata o ceo, fora da vista; nas rúas corrían estraños demos de catro ou dous patas que ruxían sen se deter para tomar aire. Cando botou man da espada para se defender dos posibles perigos, deuse conta de que non a levaba, que, ó igual cá armadura, a deixara no castelo. Correu ata a beirarrúa onde se cruzou con raros seres humanos vestidos con demoniacas roupas. Os demos bramaban moi forte, pero paraban, tanto de gritar coma de moverse, ó cruzárselles unha persoa, e os seus ollos non demostraban furor algún pola interrupción. Incomprensible, unha cidade completamente tola.
Sentiu fame e entrou nun local co dous arcos góticos amarelos por símbolo. Dentro había moita xente con infernais roupas, comendo bocadillos quentes de carne. O local estaba cheo de luceciñas, pero non foi quen de ler o que poñían os carteis. Unha das persoas sentadas levantouse e foise por unha porta lateral, deixándo o seu bocadillo na mesa. Anthor achegóuse alí, e respondeu ó saludo que lle mandou a acompañante do que se marchara mentres buscaba algo nunha bolsa de coiro negro. O guerreiro sorprendeuse de entende-lo saludo; logo colleu o bocadillo. Entón, a muller enfadouse moito e púxose a berrar. Alguén de detrás da barra gritoulle ó cabaleiro que deixase o bocadillo pero, mentres a xente se poñía en pé, o loitador saiu correndo. Perseguiuno un home, vestido de azul oscuro e cunha estraña gorra, que ía entrar no local. Sen embargo, o guerreiro logrou despistar ó seu perseguidor e comeu tranquilo nunha rúa sen saída, á luz da lúa e mais unhas raras luces.
Unha vez rematada a comida, saiu do seu agocho e percorreu de novo as rúas da poboación. “¡Qué tolo está este sitio! Nótase que o mago debe ter o seu castelo nun dos infernos” pensou mentres camiñaba. “Nin sequera os edificios son de madeira.” Chegou ata unha praza cunha fonte na que había unha estatua. A estatua levaba un raro bastón collido coas dúas mans, e gritaba de ira. Achegouse e leu a inscripción que había <<Ós caídos na maior guerra que existiu.>> Que el soubese, en ningunha guerra os soldados levaban ese bastón, e as roupas tamén eran moi distintas das que el coñecía, pero só era outra rareza nesta imposible cidade.
Mentres camiñaba, un estrafalario guerreiro cabalgando nun demo de dúas patas montou na beirarrúa e dirixiuse cara el. O seu grito era atronador, e Anthor levantou os puños para se defender. Sen embargo, xusto antes de chegar a el, o demo calou e pechou o ollo amarelo á vez que se paraba, e o xinete baixou rindo del. Dende logo levaba unha vestimenta moi rara para ser cabaleiro: unha armadura de coiro negra o cubría por completo, o casco non era de metal, e non portaba espada algunha; deuse a volta e marchou, deixando parado o perplexo guerreiro.
Un ruxido ensordecedor e repetitivo chegoulle desde atrás. Era un xove, vestido tamén con roupas rechamantes, cuns ollos coma espellos de prata e nos hombros a caixa que producía o infernal sonido.
-¿Qué é iso?- preguntoulle o guerreiro curioso.
-A mellor música do mundo- respondeulle o outro mentres se alexaba.
“¡Cómo pode iso ser música! Música é o son das liras e as frautas, ou a voz da miña amada, non iso.”
Un rapaz subido nunha táboa vermella achegouse a el a toda velocidade e bateu contra o loitador. Tanto Anthor como o rapaz caeron ó chan. Este neno tamén ía vestido rechamante, cun gorro de pano volto cara atrás e unha camisa amarela chillona.
-¡Mira por onde vas, vello!- protestou o rapaz mentres se poñía en pe e liscaba enriba da táboa.
“¡Cómo me di que mire por onde vou se foi el quen bateu comigo!” pensou, mentres veía ó cativo desaparecer entre as xentes da rúa.
Anthor estaba completamente perdido. A cidade era incomprensible, as xentes intratables e ignorantes, pois preguntara varias veces polo castelo do Rei mais só se rían del e marchaban. Vagaba dun lado para outro ata que oiu un berro forte e continuado, que ía de grave a agudo e volta. Volveuse e viu un demo branco e de catro patas achegarse a el. Tiña dous ollos brancos e luminosos abaixo e mais un azul e outro vermellono lombo, pero estes dous só os mantiña abertos un chisco, logo os pechaba para tornar a abri-los logo. Do demo sairon dous homes, vestidos con túnicas brancas, que lle dixeron con voz calma:
-Señor Antonio, veña connosco, imos leva-lo de volta á casa.-
Anthor coñecíaos, e botouse a correr. ¡Eran servidores do mago! Pasou ante unha tenda onde, dentro dunhas caixas, falaban persoas pequeniñas e quedouse a mira-las abraiado. Unha muller estaba a dicir:
-Un paciente escapou esta noite...-
Os dous gardas collerono polos brazos e levárono cara o demo. As primeiras luces do día permitíronlle ler, mentres pasaban polas costas do demo, as seguintes palabras que este tiña escrito en vermello <Hospital a Nosa Señora> .
Este fue un relato escrito para un concurso de relatos cortos en gallego, en algún momento del instituto, pero no sabría decir cuándo.
ResponderEliminar